Comisións Obreiras denuncia que a concesionaria do servizo de cociña do CHOP non abonou a extra de decembro
Por Oskar Viéitez
Segundo denuncia o sindicato Comisións Obreiras, a empresa Mediterránea de Catering, que ten a concesión do servizo de cociña no Hospital provincial, "decidiu non aboar a paga extra do mes de decembro, malia que o Sergas ingresoulle a cuantía correspondente por este concepto".
"A ampla maioría das empresas concesionarias das distintas consellerías da Xunta aboaron a paga extra do mes de decembro, xa que dito dereito está protexido polos convenios colectivos propios, non sendo de aplicación á supresión da paga que estableceu o goberno central para os empregados públicos", apuntan desde Comisións Obreiras.
A solicitude das delegadas de persoal, tivo lugar unha reunión da Comisión Paritaria Mixta do convenio colectivo, na que a empresa, segundo indica a central sindical, "insiste en que non abonará a paga extra, malia recoñecer que non viu minorados os seus ingresos polo Sergas".
Os traballadores acordaron en asemblea dirixir un escrito ao xerente do CHOP e ao Servizo de Contratación do Sergas para demandarles a súa intervención ante a empresa, xa que, segundo argumenta o sindicato, "o pliego de condicións que regula a concesión do servizo obriga á empresa a cumprir coa normativa vixente e co convenio colectivo".
Desde Comisións Obreiras en Pontevedra afirman que esta asemblea de traballadores tamén acordou interpoñer demandas de reclamación de cantidades nos xulgados do Social de Pontevedra, como medida cautelar e non descartan a realización de movilizaciones para esixir o abono da paga extra, "ao producirse unha apropiación indebida de parte do seu salario", puntualizou.