Elixen á praia da Lanzada como a sétima mellor de España
Por Redacción
A praia da Lanzada foi galardonada como unha das mellores de España. En concreto, os internautas situaron en sétimo lugar ao arenal entre O Grove e Sanxenxo.
Esta distinción baséase nas opinións de millóns de viaxeiros de todo o mundo que recoñeceron a un total de 276 praias situadas en África, Asia, o Caribe, Centroamérica, Europa, Oriente Medio e Estados Unidos.
Trátase dunha iniciativa de TripAdvisor, a maior web de viaxes do mundo, que ven de presentar aos ganadores dos premios Travellers´ Choice Praias 2013.
A praia galega das Catedrais, en Ribadeo, foi premiada en 6º lugar a nivel mundial, 2ª no ranking europeo e o 1º posto a nivel nacional.
Esta web de viaxes destaca a Galicia como a rexión costeira mellor valorada en canto a praias. Un recoñecemento compartido con Baleares, Andalucía, País Vasco e as Illas Canarias.
"Para aqueles que planean as súas vacacións de verán ou que simplemente están buscando unha escapada de fin de semana xunto ao mar, esta selección pode servir de inspiración, grazas á opinión dos viaxeiros de TripAdvisor que visitaron estas praias outorgándolles unha alta cualificación", declara Branca Zayas, responsable de comunicación de TripAdvisor.