Sanxenxo aumenta nun 77% os fondos dedicados á urxencias sociais
Por Redacción
A crise económica déixase sentir tamén en Sanxenxo. O fondo de urxencia social do Concello aumentou en 2012 nun 77%. Segundo os datos facilitados polo goberno municipal, fronte aos 17.000 euros reservados en 2011, este ano aprobouse unha partida orzamentaria superior aos 30.000 euros, "para dar cobertura a aquelas familias que, polas súas circunstancias, precisan do apoio da administración".
ÿ a resposta que, desde o Concello, dáse á petición da portavoz do PSdeG-PSOE, Dulcinea Aguín, quen recentemente solicitaba a creación dunha prestación similar. Esta solicitude deixa claro, segundo o goberno local, "que non lle preocupa ou máis mínimo o benestar dos nosos veciños, senón só os titulares da prensa, especialmente cando estamos en campaña electoral".
E é que tal e como recordan desde o equipo de Goberno, o programa de urxencia social aparece recollido ano tras ano nos orzamentos municipais "xa que para nós si é unha prioridade a política social, como así o vimos demostrando". Neste sentido, os 30.000 euros destinados ao programa de urxencia social inclúen tanto a compra de produtos alimenticios como atencións benéficas e asistenciales.
De feito, destacan que mentres nos últimos exercicios "as contas experimentaron un considerable descenso que nos obriga a traballar co 25 por cento do orzamento de hai seis anos", a partida dedicada ao O. A. Terra de Sanxenxo (que aglutina as necesidades de ámbito social) permanece intacta, cunha asignación de cinco millóns de euros.
"Coñecemos de primeira man a difícil situación que atravesan algunhas familias deste concello e tentamos poñer os medios necesarios para dar resposta as súas necesidades asistenciais e para facer fronte a aqueles gastos puntuais que lles resulta imposible asumir", comentaron desde o executivo local.