Carpetazo xudicial á maior redada antidroga da década con 23 condenados a 58 anos de cárcere
Por Natalia Puga
Máis de sete anos despois da súa detención a Fiscalía Antidroga e a Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra conseguiu condenar a 23 persoas pola operación Gaivota, considerada a maior redada antidroga desenvolvida en Pontevedra nunha década.
A Audiencia ditou unha sentenza condenatoria para 23 acusados por este operativo que supoñen unha condena a un total de 58 anos e tres meses de prisión e de multas por un valor global de máis de 2,8 millóns de euros.
As condenas, coas que todos os procesados chegaron a un acordo de conformidade, barallan entre un e cinco anos de cárcere. Das multas impostas a sentenza varía entre acusados que non terán que aboar nada a un (Benito José González Bugallo) cuxo importe ascende a 800.000 euros e cinco anos de cárcere.
Os principais acusados ademais de González Bugallo son José Ramón Martínez Moreno, Pablo Prado García e Roberto González Camiño, que asumiron cinco anos de cárcere e 600.000 euros de multa cada un como autores de delitos contra a saúde pública.
A sentenza considera probado que no mes de xullo de 2005 se iniciou unha investigación por parte da Unidade de Drogas e Crime Organizado (Udyco) da Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra sobre a base de diversas investigacións e indicios achegados pola Policía Local capitalina arredor dun bar de Monte Porreiro.
Tras solicitar datos para identificar aos responsables da venda masiva de cocaína a pequena escala na cidade de Pontevedra e os seus arredores. Segundo os investigadores, a rede establecida actuaba tamén na bisbarra do Salnés e estaba preparada para distribuír 500 doses de droga diarias.