14 anos despois de sufrir un secuestro ve os seus captores no banco dos acusados
Por Natalia Puga
O 16 de agosto de 1999 José Manuel Fernández Miranda foi secuestrado na casa dos seus pais en Santa María de Oia. Tras golpear a toda a familia, entre eles á súa noiva, os captores leváronlle a Valladolid e torturáronlle durante varios días case ata causarlle a morte. Parte dos responsables foron interceptados xa de regreso a Galicia e outros en Murcia e no ano 2006 catro dos sete integrantes do clan de narcotraficantes de Avila 'os Píos' foron condenados pola Audiencia Provincial de Pontevedra a 22 anos de cárcere por estes feitos.
Non obstante algúns dos responsables non puideron ser xulgados ao encontrarse en paradoiro descoñecido. Tras seis anos de busca, as Forzas de Seguridade localizáronos en decembro de 2012 e este mércores 20 de febreiro de 2013 sentáronse no banco dos acusados da Sección Primeira da Audiencia dous máis.
A sentenza que se ditou en 2006, e que foi confirmada xa polo Tribunal Supremo, concluíu que os secuestradores confundiron a José Manuel Fernández Miranda con outra persoa, alguén en cuxa casa pretendían encontrar diñeiro ou drogas. Por fin puido ver a case todos os que lle torturaron por equivocación pasar polo banco, se ben aínda queda pendente un último acusado.
O presidente da Audiencia Provincial e da Sección Primeira, Francisco Javier Menéndez Estébanez, explicou ao termo da vista que os dous acusados, un home e unha muller de etnia xitana, recoñeceron as acusacións e chegaron a un acordo de conformidade co fiscal. O home cumprirá seis anos de cárcere, dous por roubo con violencia e intimidación, tres por detención ilegal e un por tenza ilícita de armas. A muller cumprirá dous anos como cómplice da detención ilegal.
En ningún dos dous casos se tivo en conta a circunstancia atenuante de dilacións indebidas a pesar de que o delito xulgado se remonta a hai case 14 anos porque o motivo de que o xuízo non se celebrase antes é que os dous acusados estaban en paradoiro descoñecido.
O presidente da Audiencia explicou que este xuízo ten outra característica extraordinaria á marxe de que se axuíce un delito de hai 14 anos. E é que a Sección Primeira xa non leva casos de delitos penais dende hai nove anos, pero no caso deste sumario a vista celebrouse nesta sala porque é un tema que se arrastra de anos atrás.
Outra característica da vista oral é que se realizou nun día no que había convocada unha folga de xuíces e fiscais, pero ningún dos profesionais que tiñan asignado o xuízo se sumaron á convocatoria. Ao termo deste, si que se uniron á concentración convocada ás portas da Audiencia Provincial.