O PXOM, do novo nunha canella sen saída
Por Alejandro Espiño
Tras dez meses de traballo, a comisión para o impulso do PXOM fracasou. Pontevedra non contará, polo menos a curto prazo, cun novo plan. A negativa do BNG para retomar a redacción do plan, a pesar da presión da oposición, fará naufragar este novo intento.
A única opción pasaría por unha moción de censura -suxerida pola concelleira de urbanismo, Carme da Silva- que PP, PSdeG-PSOE, Marea e Cidadáns apresuráronse a descartar.
Ao que non renuncian os catro partidos da oposición é a que o goberno municipal explique publicamente os motivos polos que se negan a retomar os traballos para aprobar unha novo PXOM.
Así, solicitarán a convocatoria dun pleno extraordinario e monográfico para que os pontevedreses "saquen una conclusión personal sobre por qué no se saca adelante este documento", explicou María Rey, edil de Cidadáns.
Péchase desa maneira unha comisión que, por unanimidade dos seus asistentes -o BNG non acudiu á cita- aprobou as conclusións do seu traballo: instar o goberno local a que retome a redacción e aprobación do PXOM e se adapte o documento actual á nova Lei do Solo de Galicia e ao resto de normativa aplicable.
A oposición coincide en que "la Pontevedra del siglo XXI no puede regirse por un plan que data del año 1989", como apuntou María Rey. Ou que a cidade "se queda atrás por la irresponsabilidad de Lores", segundo o concelleiro do PP José Luis Martín. Pola súa banda, o portavoz de Marea, Luís Rei, pediu ao BNG que "recapacite" e se sume ao consenso xeral.
O socialista Iván Puentes apuntou que os impedimentos que sinala o BNG para opoñerse a unha novo PXOM -a escasa edificabilidade, Monte Carrasco e Ence- "non son reais" e asegurou que o único que fai falta é "vontade política". A pesar diso, matizou que o PSOE "desconfía" tamén de que o PP queira un novo plan, ao lembrar que a Xunta se negou a colaborar con esta comisión municipal.
CARME DA SILVA DEFENDE A POSTURA DO BNG
Pero Carme da Silva ofrece unha visión completamente diferente. A edil de Urbanismo reiterou que coa lexislación vixente aprobar unha novo PXOM deixaría á cidade nunha situación de inseguridade xurídica "absoluta", reduciría á "mínima expresión" os núcleos rurais, obrigaría a cualificar os terreos de Ence como chan industrial e impediría seguir avanzando no modelo urbano de Pontevedra.
"Cando haxa un marco normativo que permita sacar un novo plan, intentarémolo", avanzou a edil do BNG, que asegura que a súa ausencia da comisión -moi criticada pola oposición, que chegou a tachala de "falta de respecto"- débese a que desde o grupo de goberno "non imos participar neste paripé".
Relacionadas:
-
Pontevedra podería ter PXOM con "vontade política" do Concello, segundo a Xunta
Por Redacción |
-
De pinza en pinza: un ano agridoce para o goberno municipal
Por Redacción |
-
Os catro grupos da oposición pactan unha proposta para reactivar o PXOM e o BNG plántaos
Por Natalia Puga |
-
María Rey dá por finiquitada a comisión do PXOM
Por Redacción |
-
A comisión do PXOM vólveselle en contra ao PP
Por Alejandro Espiño |