Volve a Sétima Feira cunha 'edición infantil' e a música de Palito
Por Redacción
Despois do verán regresa a Sétima Feira. O escaparate para novos creadores volve para colaborar coa dinamización da Praza de Abastos de Pontevedra. A deste sábado 10 de setembro será unha edición moi especial que estará dedicada ao público infantil.
A actividade principal será un taller arredor do mundo do grafitti, a cargo do artista O'Ras. A actividade desenvolverase en catro quendas dende as 11 ata as 15 horas e é de balde, previa inscrición en setimafeira@pontevedra.gal.
Os postos da Sétima Feira estarán ocupados desta volta por Elefantes de Chacharrería, Crazy Zebra, Degeronimo, Hey Juddy, Estilo Puratiti, Nené Son Joyas, Stumpister, Queen Lupa, Le Chanelas, Colle Mellon, Abelá, Libraría Pataka Frita, Hojadelimón e A Tenda.
O espazo gastro estará xestionado pola polbería O Ruzo e a música será a da cantante pontevedresa Palito.
Sétima Feira é unha iniciativa impulsada pola Área de Promoción Económica do Concello de Pontevedra que ten como finalidade dinamizar a escena creativa da vila, favorecendo un espazo para o emprendemento creativo e apostando pola colaboración entre os novos creadores e o comercio local.