Aprender a emprender desde a escola
Por Alejandro Espiño
Fomentar a cultura do emprendemento desde idades temperás. É un dos principais obxectivos do proxecto Emprender na miña escola, unha iniciativa que impulsa a Deputación de Pontevedra. Trátase dun programa piloto destinado a alumnos de terceiro ciclo de Primaria -quinto e sexto curso- dos colexios da provincia que se queiran sumar a el.
Nel, os nenos xestionarán en grupo a súa propia cooperativa. Fabricarán diferentes produtos que, posteriormente, poderán vender nun mercado ou nunha feira da súa localidade.
Carmela Silva explicou que aínda que este tipo de proxectos non son habituais en España si o son en numerosos países da nosa contorna nos que si existe unha maior cultura do emprendemento. Ofreceuse a todos os colexios e a Deputación espera que se somen a esta iniciativa, aínda que sexa un "número limitado" no seu primeiro ano.
"Ademais da educación regrada é importante que os rapaces coñezan a potencialidade da súa contorna e que elaboren os seus propios proxectos será moi beneficioso", explicou a presidenta provincial, que espera espertar nos máis pequenos un espírito emprendedor.
Este será un dos proxectos que a deputación pontevedresa presentará este xoves en Salamanca. Ata a cidade castelá viaxará o deputado Javier Dios, responsable de Promoción Económica, para defender a candidatura da Deputación de Pontevedra como institución nomeada aos premios SmartUp Olé 2016 polo seu apoio ao emprendemento.
Carmela Silva sinalou que se trata dun recoñecemento a unha das "grandes apostas" do goberno provincial, "unha liña de traballo que está a permitir que sexamos unha das poucas administracións públicas e provinciais recoñecidas polo seu apoio ao emprendemento". Competirá, entre outros, coas deputacións de Xaén e Castelló, os concellos de Valencia e Logroño ou o consorcio da Zona Franca de Vigo.
En Salamanca, a Deputación presentará os resultados dos programas DepoEmprende, unha iniciativa destinada a incentivar o emprendemento xuvenil e que oferta 120 prazas a menores de 30 anos; e SmartPeme, que oferta a emprendedores e pequenas e medianas empresas servizos de información, análise, asesoramento ou capacitación no ámbito das TIC.
Ademais, Javier Dios esbozará as liñas dun novo proxecto que poñerá en marcha a institución provincial para fomentar o emprendemento entre as mulleres, así como a creación dunha estrutura de atención integral a emprendedores onde poñerán recibir todo tipo de información sobre o seu proxecto e as diferentes vías de financiamento que teñen á súa disposición.
Relacionadas:
-
A Deputación aproba outros 280.000 euros para o fomento do autoemprego
Por Redacción |
-
A Deputación fomentará a actitude emprendedora dos máis novos
Por Redacción |
-
Cooperativas nas mans dos nenos
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Novembro, mes das TIC co programa 'SmartPeme' da Deputación
Por Redacción |
-
Como ser máis competitivos grazas á tecnoloxía
Por Oskar Viéitez |
-
Volta ao cole sen incidentes
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Un empuxón para que 120 mozos se incorporen por conta propia ao mercado laboral
Por Redacción |
-
Contar con pequenas empresas e autónomos máis competitivos, obxectivo da Deputación
Por Alejandro Espiño |