Protección Civil de Caldas busca fogar para Iker e Bruce, dous cachorros atopados por un adolescente
Por Redacción
Un adolescente de 16 anos levou unha sorpresa ao atoparse con dous cachorros abandonados cando daba un paseo en bicicleta polo monte de San Clemente no municipio de Caldas. O mozo reaccionou co civismo que non tivo o dono destes dous cans e chamou ao servizo de Emerxencias do 112 Galicia.
Aos poucos minutos, unha dotación de tres voluntarios de Protección Civil de Caldas localizaban ao mozo, que se atopaba atendendo aos animais. Os efectivos de Protección Civil fixéronse cargo dos cachorros, aos que se lles puxo o nome de Iker e Bruce, e agora buscan que alguén os adopte e lles proporcione un fogar. O teléfono deste servizo é 609 556 549.
O xefe de Protección Civil de Caldas, José Sieiro, destaca o valor da chamada do mozo e a atención que mantivo cos dous cans abandonados.