O PP de Poio solicita a Costas un paseo desde Combarro ata A Seca
Por Redacción
Integrantes do grupo municipal do PP de Poio ofreceron este xoves unha rolda de prensa nas inmediacións da recta da Pinela para presentar unha proposta que xa figuraba no programa para as eleccións municipais: unha senda entre Combarro ata A Seca que, en palabras do voceiro popular para Combarro, Cándido Muíños, "solucionaría varias cuestións pendentes do noso municipio".
Así, o concelleiro popular indicou que, unha vez comeza a primeira fase entre A Seca e Campelo, "sería interesante comezar a xestionar as actuacións precisas para unir Combarro e A Seca". Os populares entenden que son dúas actuacións distintas, xa que o de Campelo-A Seca ten outras esixencias ambientais, ao ser con terra batida.
A actuación estaría financiada por Costas, dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.
O concelleiro Tucho Muíños insistiu en que "é de xustiza" unha actuación coma esta para unha parroquia que é "a grande esquecida do goberno de Sobral durante 21 anos".