Convocan aos pontevedreses para deseñar unha campaña contra a "cultura da violación"
Por Oskar Viéitez
A Plataforma Feminista Galega (PFG) convoca en Pontevedra unha asamblea aberta para deseñar unha nova campaña de sensibilización e prevención da violencia machista.
O próximo luns 12 de setembro teñen previsto celebrar unha asemblea aberta na que propoñer medidas para comezar a deseñar unha "campaña contra o patriarcado". Desde a PFG de Pontevedra convidan a participar a todas as organizacións e persoas para que todos os cidadás se involucren activamente nesta loita, manifestando así a súa repulsa polos abusos machistas.
A Plataforma Feminista Galega (PFG) fixo balance das últimas agresións machistas na cidade, "unha pequena mostra das miles de situacións ás que as mulleres, polo simple feito de selo, vénse sometidas". Para as feministas ésta é "unha proba de que a chamada ‘cultura da violación’ impregna coa súa perigosa pezoña á sociedade do século XXI".
"As mulleres enfrontámonos a un mundo que, ante un acto machista, cuestiona a indumentaria da vítima, se ía soa de noite, se decidiu falar cun descoñecido, se xa mantivera algún tipo de relación co suxeito... ", reflexionan dende PFG nun comunicado.
"Convén preguntarse por que as mulleres temos que sentir medo ao ir sen compañía pola rúa, por que nos vemos obrigadas a soportar comentarios sobre o noso aspecto físico ou por que os nosos corpos están explotados ata o exceso por unha sociedade de consumo deseñada unicamente para a satisfacción masculina. Vivimos nun mundo enfermo que fai que a responsabilidade dun abuso recaia sobre a vítima e non sobre o verdugo", di o escrito da PFG.
A Plataforma Feminista Galega de Pontevedra lanza un berro para concienciar sobre esta problemática. Sinalan a urxencia de que os poderes políticos comprendan dunha vez a necesidade de "loitar seriamente" contra as violencias machistas, e que a loita sexa "primordial e taxante". Así como tamén sinalan o deber da sociedade de implicarse "de maneira directa" en accións que combatan os "abusos do patriarcado".
"A única forma de erradicar as agresións físicas, sexuais ou psicolóxicas contra a muller é que todas as persoas pelexemos unidas contra elas", conclúen.
Relacionadas:
-
Cinco asociacións feministas unen as súas forzas pola igualdade e a loita contra a violencia machista
Por Alejandro Espiño |
-
Colectivos feministas lanzan unha advertencia aos partidos políticos ante o 25-S: "Se non conto, non voto"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Presentan unha queixa ante o Poder Xudicial polo arquivo dos insultos a Carmela Silva
Por Redacción |
-
Abre as súas portas a Escola de Igualdade María Vinyals
Por Redacción |