Ponte Caldelas recibe unha achega da Deputación para a reforma enerxética na zona da Calzada
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra, mediante dúas resolucións presidenciais, vén de aprobar dúas achegas económicas, por un global de 5.071,86 euros para o concello de Ponte Caldelas, incluídas na liña 1, de investimentos, do Plan Concellos 2016. Unha contía de 4.243,11 euros destinarase para a reforma enerxética na zona da Calzada, mentres que outra de 828,75 euros será para o subministro dunha columna de punto de luz no paseo da Calzada.
Estas partidas veñen sumarse a outras aprobadas para Ponte Caldelas dentro da liña 1, por un importe total de 183.579,44 euros. Foron investimentos para distintas actuacións de aforro enerxético, construción de muros de contención e melloras en parques infantís e pavimentación de núcleos rurais. Na liña 2 tamén se aprobaron 17.699 euros para o pagamento de gastos correntes.
Ao abeiro da liña 4, dedicada á promoción de emprego, o Plan Concellos levou a Ponte Caldelas 110.106,08 euros para a contratación de 14 traballadores municipais. Na liña 3 achegáronse 18.613,45 euros para actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais.
No que levamos de 2016, o Plan Concellos lévase concedido nun 67,5% do total destinado para Ponte Caldelas, cuns investimentos totais ata agora de 335.039,83 euros.