Os alcaldes de Cuntis, Moraña e Caldas implícanse cos traballadores de Celtic Estores
Por Redacción
Os alcaldes de Cuntis, Moraña e Caldas, Antonio Pena, Luisa Piñeiro e Juan Manuel Rey, mostraron o seu respaldo absoluto aos traballadores da empresa Celtic Estores e aseguraron os sindicatos que se implicarán na defensa dos seus postos de traballo.
Representantes do comité de empresa de Celtic Estores reuníronse esta mañá cos alcaldes da bisbarra de Umia ante o grande impacto económico e laboral que ten a fábrica na zona e para pedir a intermediación dos responsables políticos ante outras Administracións públicas
Pensamos que debe haber intervención dos alcaldes ou da consellería. Esta empresa instalouse en Moraña con aportación de cartos públicos", sinalou antes da reunión o secretario comarcal de CC.OO., José Luis Garcia Pedrosa. Tras o encontro, indicou a boa disposición que mostraran os tres rexedores consultados. No caso de Cuntis e Moraña, a súa intervención viría por mediar coa Xunta de Galicia e no de Caldas a través dunha interpretación no Parlamento autonómico.
Celtic Estores solicitou formalmente ante Traballo a aplicación dun novo Expediente de Regulación de Emprego temporal de 36 días para 160 dos seus 170 traballadores días despois de despedir 16 empregados de xeito "fulminante", segundo denuncian os representantes sindicais.
O comité de empresa terá este mércores 20 de febreiro unha segunda reunión coa dirección para continuar coa negociación do ERE, que se empezaría a aplicar o 1 de marzo por espazo dun ano e supoñería unha prolongación do actual en vixencia de 45 días, en vigor case catro anos.