Ponte Caldelas reparte as fichas de acceso gratuíto ás atraccións infantís aos nenos en risco de exclusión
Por Redacción
A política municipal faise con grandes decisións, pero tamén coas pequenas. E todas deben estar marcadas polos criterios de interese xeral e transparencia. Así o defende o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, "despois de acabar cun costume moi establecido de repartir ás agochadas as fichas de cortesía" que achegan os feirantes que acoden ás Festas das Dores.
"Supoño que a maioría da xente ignora que os feirantes “regalan” esas fichas aos seus concellos, pero teño entendido que é algo moi común e que se fai sen ningún tipo de regulación", explica o rexedor. O costume en Ponte Caldelas era que se lle deran directamente aos colaboradores directos alcalde, que logo se encargaba de repartilas entre compañeiros e amistades ao seu criterio. "Era algo habitual e vergonzante, pero dou por feito que sairán dicindo que tamén é mentira".
Andrés Díaz decidiu que as 120 fichas entregadas polos feirantes ao Concello se puxeran en mans dos traballadores dos servizos sociais municipais, que foron os encargados de seleccionar 40 nenos que gozarán de tres viaxes cada un. Deste xeito, rapaces de familias en risco de exclusión terán acceso gratuíto ás atraccións durante todas as festas, sen ter que agardar ao próximo mércores, Día do Neno. O reparto comezou a producirse este mesmo venres.
O alcalde de Ponte Caldelas rexeita este tipo de obsequios e considera que coa solución acadada, "un asunto que tiña serios problemas de falta de ética convértese nunha medida de cohesión social".