Por cada doce de Sanxenxo, un selo no pasaporte
Por Redacción
Turismo de Sanxenxo dá un paso máis na súa aposta pola gastronomía local como recurso turístico para atraer visitantes. Presentou aos profesionais do sector a posta en marcha unha nova iniciativa que xirará en torno ás sobremesas, 'Sanxenxo Degusta Dulces'. A iniciativa terá un carácter permanente e o público poderá optar a conseguir regalos tras selar o pasaporte de degustacións anual.
A concelleira de Turismo, Almudena Aguín, mostrou a súa satisfacción pola boa acollida da nova proposta gastronómica por parte dos profesionais do sector que asistiron a unha reunión convocada na Sala Nauta, no Porto Deportivo Juan Carlos I. A esta cita acudiron tanto responsables de restaurantes como de pastelarías e hoteis que coñeceron de primeira man a iniciativa que a empresa mixta Turismo de Sanxenxo pretende poñer en marcha a partir de mediados do próximo mes.
"A nosa intención é comezar con este novo produto na segunda quincena de marzo, e con esa data é coa que estamos a traballar e que os potenciais participantes ven tamén factible", sinalou a edil.
Almudena Aguín explicou, pois, aos interesados que esta acción terá un carácter permanente "polo que o idóneo será que as sobremesas cambien en función da época, festividade ou estación do ano para facer así máis atractiva e variada a proposta".
Para dar a coñecer a proposta, Turismo de Sanxenxo usará lemas como 'En Sanxenxo te endulzamos la vida' e 'Endúlzate con nosotros' e traballa xa no deseño dun folleto dixital que conterá información de todos os participantes e dos doces que pode degustar o público que se achegue aos establecementos.
Para incentivar os usuarios, dende a empresa mixta habilitarán un sorteo de regalos ao que poderán acceder aquelas persoas que completasen ao longo do ano natural o pasaporte que se entregará nos propios establecementos e que acredita a degustación dos doces.