O compost de Monte Porreiro usarase na horta ecolóxica do barrio cuxa colleita será para o Banco de Alimentos
Por Oskar Viéitez
A veciñanza de Monte Porreiro estreará o próximo luns os tres primeiros composteiros comunitarios do barrio, situados nas rúas Italia, Alemania e na praza de Europa.
O compost de Monte Porreiro irá cara a futura horta ecolóxica do barrio e tamén cara a horta urbana que hai no Mirador. Os seus produtos teñen como destino o Banco de Alimentos.
Ata o composteiro da rúa Italia achegouse este venres o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores acompañado polos concelleiros de Medio Ambiente, Carme da Silva e delegado do barrio, Alberte Oubiña para constatar o seu funcionamento. Xunto a eles estaba o presidente da asociación de veciños O Mirador de Monte Porreiro, Carlos Fagilde, xa que este barrio é pioneiro na implantación deste tratamento alternativo de recollida de lixo.
Os usuarios deixarán a materia orgánica -o que representa o 42% do peso da bolsa de lixo- en dous dos seis módulos que integran cada composteiro. Alí estará un mes, vixiada e aireada polos mestres composteiros que tamén, pasado un mes, ocuparanse de trasladala aos seguintes dous módulos e un mes máis tarde os dous últimos. Neses tres meses o lixo sairá convertido nun compost de alta calidade (categoría A) o que o acredita para o uso en hortas ecolóxicas ademais en xardíns, montes,...A primeira "colleita" deste compost sairá, polo tanto, para o remate do ano.
O alcalde Fernández Lores subliñou o valor económico (a medio prazo), ecolóxico e social da compostaxe e o carácter pioneiro do proxecto de implantación dun sistema alternativo de recollida e tratamento do lixo en Pontevedra. Será unha implantación gradual que dará os primeiros pasos nos barrios de Monte Porreiro e Campolongo e que precisa para o seu éxito coa participación activa da veciñanza. A seperación en orixe é fundamental.
Estes primeiros composteiros chegan da man do plan Revitaliza da Deputación que tamén instalará un cuarto composteiro comunitario na parroquia de Campañó con usos especiais (cemiterio, restaurantes, veciños non residentes...), xa que no rural o xeral será o uso de compostoiros individuais.
Mentres tanto o Concello está a tramitar a adquisición dos composteiros comunitarios que se despregarán polos barrios de Monte Porreiro e de Campolongo, onde as veciñanzas pediron pór en marcha o sistema alternativo de recollida de lixo. Con este obxectivo hai consignada unha partida de 130.000 euros.
Está previsto despregar un total de 204 módulos de compostaxe en 33 puntos do barrio de Monte Porreiro e 105 módulos no de Campolongo.
Relacionadas:
-
Nova oportunidade para facerse mestre composteiro
Por Oskar Viéitez |
-
O 19 de decembro remata o prazo para que os concellos se adhiran ao plan de compostaxe
Por Redacción |
-
Persoal municipal e das contratas formaranse no manexo de composteiros
Por Redacción |
-
A Deputación destinará máis dun millón de euros á adquisición de novos composteiros
Por Redacción |
-
O Banco de Alimentos recolle en Pontevedra e Portonovo preto de 5 toneladas de comida
Por Redacción |
-
Todo a punto para a posta en marcha dos primeiros composteiros comunitarios de Monte Porreiro
Por Redacción |
-
A Deputación completa a primeira fase do Plan Compost Revitaliza "con gran éxito"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Arranca a segunda fase do Plan Compost
Por Redacción |