Limpisa despide ás viúvas dos traballadores arroiados polo tren en Valga
Por Anxo Lourido
Traballadores e representantes sindicais de UXT concentráronse ante as portas do edificio da Xunta de Galicia en Campolongo durante unha hora e media como acto de protesta ante o despedimento por parte de Limpisa-Grupo Norte de tres traballadoras que realizaban o servizo de limpeza no edificio administrativo autonómico. Dúas delas foran contratadas tras o fatídico accidente ferroviario nun paso a nivel de Valga no que tres albaneis falecían ao ser arroiados por un tren. Estas mulleres son viúvas de José García Bejo e de Jesús Martínez Senín e unha delas, nai ademais do terceiro falecido, Roberto Martínez Ríos. No mom ento de ser despedidas, o 1 de febreiro, ámbalas atopábanse de baixa laboral.
Segundo lles comunicou a empresa, o despedimento prodúcese por cuestións económicas. Pero dende o sindicato UXT consideran que se trata dunha represalia pola denuncia que presentou esta organización debido ao incumprimento das taboas salariais por parte da empresa.
A terceira empregada, Esther Varela, afirma que foi despedida sen que se lle recoñecera a súa categoría como peón especialista. As tres traballadoras despedidas cobraban arredor de 800 euros mensuais.
UXT reclama á Xunta que revise se a empresa cumpre co establecido na adxudicación do contrato de limpeza no edificio. Denuncia, ademais, que a empresa incumpriu o seu acordo cos traballadores de evitar despedimentos se se lles aplicaba unha reducción dun 5% do salario.
Ademais, a secretaria de limpeza de UXT, Encarnación Cochón, critica a Comisións Obreiras, central maioritaria no comité de empresa, por non secundar as concentracións de apoio a estas tres traballadoras.
Para o vindeiro mércores 27, UXT volverá concentrarse ante o edificio da Xunta en Campolongo en contra destes despedimentos.
Relacionadas:
-
Os traballadores de limpeza da Xunta manterán as súas protestas ata que se cumpran os seus dereitos
Por Oskar Viéitez |
-
Volven as concentracións de traballadores de Limpisa en protesta pola non readmisión de 3 empregadas
Por Redacción |
-
Limpisa acepta negociar coas súas traballadoras unha saída ao conflito
Por Diego Espiño |
-
A representación laboral en Limpisa esixe a readmisión das traballadoras despedidas
Por Diego Espiño |