Colectivos feministas lanzan unha advertencia aos partidos políticos ante o 25-S: "Se non conto, non voto"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
Cinco colectivos feministas de Galicia decidiron irromper na precampaña electoral dos comicios autonómicos para facer forza e conseguir que os partidos políticos inclúan nos seus programas unha serie de medidas do ámbito da igualdade e a loita contra as violencias machistas e, unha vez que cheguen ao Parlamento, as inclúan nas súas axendas de traballo diarias. Trátase dun conxunto de 39 propostas que xa foron trasladadas a todas as formacións cunha advertencia: as mulleres son máis da metade da poboación e, se non as teñen en conta nos seus programas, non terán o seu voto.
"Se non contas con nós, non contes co noso voto", reza o slogan da campaña, que se resumiu, para a súa difusión nas redes sociais, no hashtag #senoncontononvoto. Ademais de elaborar unha proposta de mínimos que deberían cumprir todos os programas e solicitar a todos os partidos unha reunión para explicarlla, elaboraron unha serie de vídeos que difundirán ao longo do mes de setembro resumindo o espírito da iniciativa.
A campaña está impulsada pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia, Teenses pola Igualdade, O Soño de Lilíth, Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega e a Rede Pontevedra pola Igualdade. As súas representantes compareceron este xoves en rolda de prensa para presentala e explicar que o documento enviado aos partidos foi elaborado por un grupo máis amplo, pois se trata dunha "campaña de mulleres porque estamos todas fartas de que non nos teñan en conta".
O obxectivo é que as forzas se comprometan a favorecer un Gran Acordo Político pola Igualdade en Galicia e para a erradicación das violencias machistas, adquirindo a totalidade dos seus 39 compromisos, pero, sobre todo, valorarían positivamente que desde o Parlamento se aplicaran as medidas, pois a igualdade está moi lonxe de ser unha realidade e, moito máis, desde a chegada da crise, pois as políticas públicas específicas "sufriron grandes recortes".
"Unha democracia plena ha de ter en conta ás persoas por riba dos mercados e ha de basearse na plena igualdade de oportunidades, de trato e de consideración entre homes e mulleres, que están aínda lonxe de lograrse", sosteñen desde a plataforma, na que tamén hai persoas vinculadas aos partidos políticos, pero que se define como apartidista.
As medidas que propoñen pasan por garantir os recursos que fagan posible a implementación das políticas de igualdade, impulsar a educación como "base fundamental" da loita contra a desigualdade e a violencia machista, dar visibilidade ás mulleres, erradicar o sexismo, conseguir unha transvesalidade da perspectiva de xénero ou garantir o dereito para decidir das mulleres, entre outras que se resumen nos vídeos da campaña e no documento adxunto.
Relacionadas:
-
Cinco asociacións feministas unen as súas forzas pola igualdade e a loita contra a violencia machista
Por Alejandro Espiño |
-
O debate feminista entra na campaña electoral con compromisos de todos os partidos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Policía Local de Pontevedra detén un mozo de 29 anos como presunto autor dun delito de violencia machista
Por Redacción |
-
Convocan aos pontevedreses para deseñar unha campaña contra a "cultura da violación"
Por Oskar Viéitez |
-
As eleccións galegas, o 25 de setembro
Por Alejandro Espiño |