O espírito festivo invade as rúas de Sanxenxo
Por Redacción
Sanxenxo está en festas. Encargáronse de lembralo este mércores os integrantes da agrupación Galifunk Brass, que inauguraron a programación festiva amenizando coa súa música as prazas do centro urbano.
A animación musical arrincou ao redor das 12:00 horas na praza Pascual Veiga, para seguir despois pola Praza dos Barcos e polo centro urbano, onde soaron versións de cancións de artistas como James Brown, Jackson 5 ou Stevie Wonder.
É só o primeiro acto dunhas festas que continurán este xoves coa celebración do Día do Turista e o tradicional chupinazo desde o balcón do concello, previsto para as 12:00 horas.
O Día do Turista contará pola súa banda con pasarrúas desde as 10:00 horas a cargo de Os Gatiños de Portonovo e a Banda de Música de Sanxenxo e coa popular sardiñada na Praza dos Barcos, na que se asarán ata 800 quilos de sardiñas que serán servidas para a súa degustación de maneira gratuíta grazas ao traballo e colaboración dunha vintena de traballadores municipais.
Ademais a xornada completarase coa Feira de Produtos Artesáns, un concerto da Banda de Música de Sanxenxo na praza Pascual Veiga (13:00 horas), a misa e procesión en honra a San Xenxo (19:00 horas), o concerto do trompetista Rubén Simeó (21:00), tamén na praza Pascual Veiga, e a verbena na Praza do Mar amenizada polas orquestras Ache e Limón desde as 22:30 horas.
Relacionadas:
-
A creatividade máis sorprendente asiste á Feira da Cebola en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Escuma refrescante baixo o calor de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sanxenxo homenaxea aos turistas con 800 quilos de sardiñas asadas
Por Redacción |
-
Un verán de 54 actividades e festa en todas as parroquias de Sanxenxo
Por Redacción |