Regresa a Portonovo a exposición sobre o afundimento do Santa Isabel
Por Redacción
O Usos Múltiples de Portonovo acollerá ata o 15 de setembro, unha exposición itinerante sobre o afundimento do transatlántico "Santa Isabel", que tivo lugar en 1921 fronte á praia de Lanzada, ao que chegaron mesmo algún dos cadáveres das máis de 200 persoas falecidas naquela traxedia. Foi a 100 metros da illa de Sálvora onde se produciu a catástrofe.
Do contido da exposición deu conta este maartes, nunha rolda de prensa, o seu realizador, Celestino Viéitez, na que estivo acompañado polo alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita e pola presidenta e a secretaria da Asociación Galega de Arte e Cultura, Esther Molineros e Pepa Mariño, que cederon 16 cadros que completan a exposición e reflicten o dramatismo daquela traxedia.
Oitenta e oito cadros e 186 fotografías da catástrofe (realizadas por Luís Kasado), maquetas, obxectos do buque, documentos, óleos relacionados co afundimento e unha proxección continua integran a totalidade da exposición.
Trátase dunha colección de obxectos, documentos e imaxes que van narrando, a través duns paneis moi gráficos, os detalles dunha traxedia que marcou a historia da ría arousá.
A exposición, que xa recalou en Portonovo o pasado verán e foi visitada por máis de 20.000 persoas, foi definida por Tino Viéitez como unha mostra singular que, ao reflectir un conxunto de pequenos detalles nun feito tan dramático "fana romper co resto".
"O Santa Isabel é a proa turística de Galicia", así de contundente mostrouse Tino Vieitez que considera que esta traxedia supera "en heroísmo ao Titanic, xa que aquí había ondas de ata cinco metros de altura".
Pola súa banda o alcalde, Gonzalo Pita, animou a veciños e visitantes a achegarse a Portonovo para coñecer unha exposición de gran interese cultural e social, que ata o 15 de setembro, e en horario de mañá e tarde, achegará á cidadanía un importante episodio da historia local e un drama que a pesar do tempo transcorrido aínda está na memoria de moitas familias.