"Se viñeran preguntando pola Pokemon, serían ben recibidos"
Por Alejandro Espiño
Ponte Caldelas e Marín son dous dos concellos aos que a Pilar de Lara, a xuíza que instrúe o caso Pokemon e a súa derivada, a operación Manga, pediu documentación nas últimas horas. A Pontevedra, non. "Non se puxeron en contacto con nós", asegura Raimundo González, malia que Aquagest, concesionaria do servizo de augas en Pontevedra, é unha das empresas que está sendo investigada.
En todo caso, Raimundo González non dubidou á hora de sinalar a honradez do goberno municipal. "Se viñeran preguntando pola Pokemon, serían ben recibidos", afirmou. "Non temos nada que non poidamos mostrar". Segundo o edil de Facenda, "se lles facilitaría toda a documentación que queiran con toda cordialidade".
Pero o concelleiro nacionalista foi moito máis alá. Asegurou que "tería graza" que investigasen ao Concello de Pontevedra por este tipo de contratos cando, dixo, "nós puxemos todo en orde, cortando todo tipo de privilexios e favoritismos que existían antes da nosa chegada". Unha conduta que, segundo asegurou, "costounos doce anos de broncas constantes", debido a que "entraron a traballar empresas novas ás que non lle pedimos nunca o carnet de identidade".