O tenente de alcalde da Lama cobrou "ás agachadas" a paga extra de Nadal á que públicamente renunciara
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal socialista no Concello da Lama acaba de denunciar que o tenente de alcalde, Juan Carlos Piñeiro Teodosio, cobrou "ás agachadas" a paga extra de Nadal á que públicamente renunciara. Así o pudieron confirmar pola documentación que lles proporcionaron no pleno ordinario.
Chaman a atención sobre o feito de que na sesión plenaria do 30 de novembro de 2012 o alcalde renunciou á percepción da paga extra de Nadal en solidariedade cos funcionarios públicos municipais aos que lles foi suprimida.
Nesa mesma sesión plenaria os concelleiros socialistas tamén presentaron un escrito de renuncia da dieta correspondente a ese pleno, á que se sumaron os tres concelleiros do Grupo Popular.
Por este motivo consideran "que o cobro da paga extra por parte do tenente alcalde, ás agachadas, é unha falta de respecto aos empregados municipais e a todos os cidadáns da Lama".
O portavoz do PSdeG-PSOE na Lama, Enrique Vaqueiro, declarou que "si ten un pouco de dignidade, o tenente de alcalde ten que devolver a paga extra cobrada inmediatamente".