Pedras Negras, zona de adestramentos para o Exército de Terra
Por Redacción
Un total de doce militares, que formarán parte da dotación da Base Antártica Española do Exército de Terra (BAE) 'Gabriel de Castilla', adestraranse no Grove no manexo de embarcacións, segundo informa o Exército de Terra.
En concreto, estarán do 29 de agosto ao 2 de setembro realizando prácticas de navegación, con embarcacións fóra borda, no peirao de Pedras Negras, na localidade de San Vicente do Grove.
Segundo precisa o Exército de Terra, as características da costa galega "fan que os militares repitan a súa experiencia do pasado ano" de cara ao seu adestramento no manexo de embarcacións pneumáticas do mesmo estilo das que terán que utilizar nas augas polares.
Ao respecto, explica que a formación destes profesionais é "esencial" para garantir a seguridade dos científicos, nos seus desprazamentos náuticos en Isla Decepción. Alí, os investigadores estudan a flora e fauna deste territorio.
Durante as xornadas, recibirán formación sobre navegación e movemento, normas de seguridade e regulamentos de marcas e sinais. Tamén realizarán prácticas de montaxe e desmontaxe de embarcacións a motor, manexo das mesmas, entradas e saídas de praia, navegación, emprego de GPS, saltos á auga, natación e emprego de traxes de supervivencia.