Sanxenxo homenaxea aos turistas con 800 quilos de sardiñas asadas
Por Redacción
O concelleiro de Festas, Jesús Sueiro, presentou este luns a programación das Festas de Verán que comezarán este mércores e que se prolongarán ata o próximo 5 de setembro. En total trátase de oito días de festa, estruturados en varios bloques, e que manteñen unha aposta por potenciar tradicións locais "xa que consideramos que estas festas son un escaparate ideal para dar a coñecer a nosa cultura, os nosos produtos e a nosa música".
O programa vira por tanto ao redor de catro alicerces: dinamización e animación de rúa; cultura e deporte; actividades infantís e relixioso; incluíndo por tanto actividades para todas as idades.
ANIMACIÓN NA RÚA
Serán once actividades que buscan potenciar o comercio e a hostalería local. Neste sentido as festas empezarán o día 24 con música na rúa a cargo de Galifunk Brass, que actuará en diferentes prazas durante toda a xornada, nunha sesión de mañá e outra de tarde. O pistoletazo de inicio darao o chupinazo desde o balcón municipal, o mesmo día 25 de agosto.
A actuación de diferentes pasarrúas buscará que os distintos puntos da vila se integren no ambiente festivo do que se pretende tinguir Sanxenxo durante estas festas de verán.
A sardiñada popular do Día do Turista é unha das actividades estrela deste bloque. Asaranse máis de 800 quilos de sardiñas no porto, que se repartirán gratuitamente con pan e viño. Esta actividade é xa unha tradición no verán de Sanxenxo, que une a visitantes e a veciños na degustación dun dos produtos máis prezados das lonxas galegas e cuxa pesqueira ten un referente na frota do cerco de Portonovo.
VERBENAS
As verbenas, espaciadas en catro días, ofrecen un punto de encontro nocturno como proposta de lecer familiar, ao realizarse todas na Praza do Mar ao confluír no mesmo espazo que as atraccións de feira.
Neste bloque enmárcase tamén o espectáculo, o domingo 4 de setembro, en honra a Santa Rosalía con máis de 15 minutos de fogos de lucería que se poderán ver desde todo o paseo e o porto, ademais de enriquecer este espectáculo con xogos de luces desde a area.
CULTURA E DEPORTE
O segundo, cultura e deporte, concede un protagonismo especial ás agrupacións musicais do municipio, que ofrecerán concertos e actuacións en diferentes prazas compartindo con todos o seu excelente repertorio e toda unha traxectoria infestada de éxitos, como é o caso de Abiñadoira e da Banda de Música de Sanxenxo, que ofrece un dos seus primeiros concertos o día 25, acompañado ao trompetista Rubén Simeó.
Con este mesmo obxectivo de dar a coñecer as nosas tradicións organízase o 25 de agosto a Feira de Produtos Artesáns, como escaparate aberto para a promoción duns artigos de calidade característicos da nosa terra.
A Feira da Cebola, o 4 de setembro, é a actividade estelar deste apartado, co mesmo obxectivo, o de promocionar a cebola, un produto de gran calidade e que sempre diferenciou e identificou a Sanxenxo.
Este mesmo día entregaranse as Cebolas de Ouro, cuxos galardoados nesta edición daranse a coñecer nos próximos días.
A Milla Urbana, que terá lugar o domingo 28, é a cita deportiva por excelencia do programa festivo. Os interesados en participar poderán inscribirse ata 30 minutos antes do inicio da proba.
No terceiro bloque, o infantil, dáse continuidade á filosofía que marcou a programación cultural estival e que apostou por un lecer familiar, prestando unha atención especial aos nenos.
O programa de festas reserva dúas das oito xornadas festivas para lecer infantil e familiar, cos Xogos Tradicionais e Gimkanas en Silgar, e unha festa infantil e outra da Escuma no porto.
RELIXIOSO
O cuarto, e non menos importante, é o relixioso, organizado pola parroquia, no que se inclúen misas e procesións. Son de destacar as dúas procesións nocturnas, procesións singulares e de gran tradición en Sanxenxo, que se celebrarán o sábado 3 e o domingo 4 de setembro; procesións que se realizan para recoller as imaxes de Santa Rosalía e da Virxe do Carme.