A polémica polas declaracións de Castelao Bragaña chega á Fiscalía de Pontevedra
Por Redacción
A Rede Provincial Pontevedra pola Igualdade anunciou a presentanción formal ante a Fiscalía de Pontevedra dunha solicitude para que "investigue se hai indicios de delito" nas afirmacións que o xa ex presidente do Consello Xeral da Cidadanía Española no Exterior, José Manuel Castelao Bragaña, realizou nos últimos días "comparando ás mulleres coas leis e afirmando que están para violalas".
A Rede presentou esta solicitud a través da súa responsable da área xurídica, Ana Barreiro, e enmarcou na "intensa actividade vinculada aos dereitos das mulleres e, sobre todo, as problemáticas actuais que lle afectan dende a perspectiva social, económica e laboral".
A Rede Provincial Pontevedra pola Igualdade ven de anunciar que tamén enviou unha queixa á Secretaria Xeral de Igualdade "para que condene de forma pública estas declaracións, que convidan á discriminación e á violencia contra as mulleres, así como a infrinxir as leis; actitude que non se pode tolerar dende unha persoa con responsabilidades públicas".
A Rede Provincial condena "de forma manifesta e con clara repulsa" ditas actitudes por parte de Castelao Bragaña, por consideralas "abertamente machistas, autoritarias e de claro desprezo ás mulleres e á humanidade, xa que considera que as leis non deben ser respetadas".
Así mesmo, reclaman ao presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, que o expulse do partido, xa que, ao seu modo de ver, "dalgún xeito convértese en cómplice desta barbaridade".
"Non podemos consentir e quedar de brazos cruzados ante estas manifestacións dun responsable público contra os valores, a integridade das persoas e a propia vida delas, xa que a súa actitude conleva unha clara perigosidade social, ao inculcar comportamentos violentos contrarios aos valores de paz social", conclúen.