O PP de Poio alerta do mal estado do parque infantil da Chousa e a presenza de pulgas "nas inmediacións"
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular en Poio reclamou ao Concello "solucións urxentes para o parque infantil da Chousa", en Combarro.
Así o verbalizou a súa portavoz en materia de urbanismo, Rocío Cochón, ao alertar do mal estado da instalación, á que "lle falta unha táboa", o que provoca que "os nenos teñen un risco de caída", ao que se suma que "hai varios cravos expostos que poden cravarse os nenos".
A denuncia, trasladada na Comisión de Urbanismo, reflicte outro problema na zona, a aparación de pulgas "nas inmediacións", segundo explica o Partido Popular nun comunicado.
"Representa un grave risco para os poucos nenos que caben nel e por encima mórdenlles as pulgas", sinalou Cochón.
Por ese motivo, e ao estar en plena tempada turística, os populares trasladaron ao goberno local a necesidade de reparar o parque infantil "antes da Festa do Mar".