Buscan un home por abusar da súa sobriña de 5 anos logo dunha voda
Por Redacción
A Comisaría da Policía Nacional de Vilagarcía mantén aberta unha investigación para esclarecer os supostos abusos sexuais que sufriu unha nena de 5 anos. Os axentes buscan o tío da menor como suposto autor do delito.
Segundo os datos que transcenderon, os presuntos abusos producíronse na madrugada do sábado ao domingo cando a familia da menor, de etnia xitana, acudiu a unha voda en Vigo e, nun momento da noite, os pais da nena decidiron quedar na festa e o tío levou a sobriña a casa a Vilagarcía.
Ao día seguinte, supostamente a menor contou aos seus pais o sucedido e eles levárona ao Hospital do Salnés para que a atendesen e comprobasen se realmente se producira algún abuso ou violación.
A exploración médica tería descartado a existencia dunha violación con penetración, pero confirmado outro tipo de abusos, de modo que o hospital puxo en marcha o protocolo de actuación habitual nestes casos.
Os pais da menor presentaron o domingo unha denuncia na Comisaría da Policía Nacional mentres a nena seguiu hospitalizada en observación.