Atopan unha cría de quenlla na praia do Santo en Marín
Por Redacción
Uns nenos que se atopaban na praia do Santo, en Marín, próxima a Lapamán, levaron unha sorpresa na xornada deste venres 12 ao atoparse cunha pequena cría de quenlla cando xogaban na auga.
O escualo movíase entre os xeonllos dos menores, que alertaron a varios adultos ante o descubrimento do animal, que se atopaba desorientado e atrapada na zona da beira da praia. A quenlla foi capturada e metida nunha tina con auga. A continuación, contactaron coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), que lles recomendou a súa solta nunha zona profunda da ría.
Desta forma, varias persoas que se atopaban na praia lograron a través dunha embarcación trasladarse cara ao interior da ría de Pontevedra onde a quenlla foi liberada nunha zona de bateas.