Os vendedores ambulantes, molestos co Concello por non deixarlles celebrar o mercado de Baltar o 15 de agosto
Por Redacción
Os vendedores ambulantes que habitualmente participan no mercado de Baltar, en Portonovo, maniféstanse "descontentos" coas xestións do Concello de Sanxenxo en relación coa feira que debería celebrarse o vindeiro luns 15 de agosto, pois suspendérona a tan só catro días da súa data de celebración con motivo do Trofeo Príncipe de Asturias de Piragüismo nas inmediacións da praia desta localidade.
Os comerciantes amosan o seu "malestar" pola decisión que o Concello comunicou este xoves a través dun bando municipal que lles entregaron en man, pois supón prohibir a montaxe do mercadiño un dos días "de máxima actividade, afluencia de público e ventas do ano".
O seu "descontento" está motivado tanto polas formas utilizados polo Concello -comunicoulles a decisión a tan só catro días da data do mercado- como polo contido en si da decisión. Así, sosteñen que supón un "incumprimento" do compromiso adquirido polo concelleiro David Otero cos comerciantes o pasado 25 de xullo, pois aseguroulles que se mantería o mercado do 15 de agosto "se deixaban todo recollido e ordenado nese día".
"Os comeciantes cumplimos e acudimos incluso provistos de vasoiras da nosa casa para deixar todo impecable", sosteñen estes comerciantes, que piden unha solución ao Concello para poder traballar o 15 de agosto. Propoñen, por ejemplo, reubicarse nas rúas próximas deixando libre a zona do aparcamento máis próxima á praia para que poida desenvolverse sen problemas a proba deportiva. "Hai sitio para todos se hai vontade de todas as partes".