Estudan suspender a tirada de fogos artificiais do inicio das Festas da Peregrina
Por Redacción
A alcaldesa en funcións de Pontevedra, Carme da Silva, alertou de que o goberno local está a estudar a posibilidade de suspender a tirada dos fogos artificiais previstos para a medianoite do sábado 13 coincidindo co inicio da semana grande das Festas da Peregrina.
A decisión adoptarase atendendo as previsións metereológicas. Carme da Silva sinalou que se persiste o vento forte do nordeste das últimas horas estudaríase a suspensión xa que, a pesar das medidas de seguridade que se acometen para evitar incidencias na zona das Corbaceiras, quérese evitar que se orixinen problemas ante a posibilidade de que os fogos artificiais poidan desencadear incendios ao ser desprazados por fortes refachos de vento. A concelleira do equipo de goberno apuntou que esta tirada de lumes inicial das festas é seguida por miles de persoas que se achegan á contorna do río Lérez.
No caso de que se suspenda, contemplaríase a posibilidade de aprazar o lanzamento dos lumes a outra xornada ou de reforzar os previstos para o peche das festas da Peregrina.
NOVAS CRÍTICAS Á XUNTA DE GALICIA
A alcaldesa accidental volveu criticar a falta de coordinación e de información por parte da Xunta de Galicia en relación cos incendios rexistrados no municipio de Pontevedra. Da Silva sinalou que nas últimas horas, tan só o 112 informou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores de que un piorno estaba a arder en Ponte Sampaio cando os servizos de emerxencias municipais levaban catro horas actuando nesa zona para evitar que o lume afectase as vivendas.
Carme dá Silva destacou o traballo que están a realizar desde o Parque municipal de Bombeiros coa incorporación de efectivos para que, en todo momento, se atope un retén activo e outro pendente para unha posible intervención.
Relacionadas:
-
Ninguén faltou á cita, nin os fogos nin miles de pontevedreses
Por Cristina Saiz |
-
As Festas da Peregrina chegan. E con fogos de artificio!
Por Redacción |
-
VÍDEO.- "Mala chispa coma aos que fan isto"
Por Cristina Saiz & Natalia Puga |
-
VÍDEO.- Os veciños de Ponte Sampaio viven unha noite de tensión
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
VÍDEO.- Un lume de máis de 20 hectáreas en Ponte Sampaio obriga a desaloxar casas e ameaza núcleos de poboación
Por Redacción | Creada e actualizada