VÍDEO.- "Mala chispa coma aos que fan isto"
Por Cristina Saiz & Natalia Puga
Ás portas da medianoite, no lugar de Vilar, na parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio, seguían alerta. Un grupo de veciños vían preocupados como un lume de dimensións aparentemente pequenas empezaba a poucos metros das casas, pola estrada que vai cara a O Rañadorio. Era xa para eles unha imaxe familiar, pois ardía a moi poucos metros do lugar no que as lapas arrasaban na tarde do martes, moi pegado ao momento onde ardera esa mesma tarde. Pero non por coñecida, causaba menos angustia. Nin tampouco por repetida, pois era a mesma que se vivía a esa hora en moitos máis puntos da parroquia e en O Vilar eran conscientes de que, ata o momento, foran os mellor parados.
O lume que comezou ás 16.44 horas da tarde entre O Rañadoiro e Acevedo mantivo a toda a parroquia en albas durante a tarde e, xa entrada a noite, policías e bombeiros asegurábanlles que todo parecía baixo control e que, aínda que o incendio non estaba extinguido, todo apuntaba a que non se expandería máis. A pesar desas afirmacións, aseguraban que "do lume nunca se pode fiar un, é moi traicioneiro". O temor seguía metido no corpo mentres seguían véndose focos sementados por toda a parroquia, con especial virulencia en Acevedo, e a efectivos da Policía Local, Protección Civil e os Bombeiros atarefados dun lado a outro.
Ao longo da tarde, a voracidade coa que avanzaban as chamas desprazou ata Ponte Sampaio a un amplo operativo de medios da Consellería do Medio Rural, pero xa entrada a noite a maioría dos que quedaban facendo fronte á situación eran efectivos pontevedreses. "Moito axudan, non paran", aseguran os veciños, todos afanados á súa vez en axudar nas tarefas do lume, moitos mesmo con máscaras e pañuelas protexéndolles boca e nariz da intensa cantidade de fume.
Mentres ao longo da tarde o principal foco de atención eran as vivendas particulares, varias das cales tiveron que ser desaloxadas, nas útlimas horas do día o foco de atención era o colexio público. Situado ao pé do río Verdugo, parecía protexido da virulencia dos incendios que desde o luns arrasan Galicia, pero non o estaba. As chamas chegaron xusto ata a estrada de acceso ao centro, deixando unha imaxe tan impactante que decenas de veciños achegáronse para retratala cos seus móbiles. A proximidade á que chegou o lume e as consecuencias que ocasionou ao redor mesmo levou aos responsables da ludoteca que se celebra estes días alí a suspender a actividade.
A tensión tamén chegou ás casas situadas á beira do colexio. Na última dese viario de acceso, os bombeiros tiveron que sacar a auga da piscina para axudarse nas tarefas de extinción das chamas que chegaron xusto ata os muros da casa monte arriba. Froito dos nervios e os duros momentos vividos, xurdiron as críticas pola falta dunha boca de subministración na propia estrada para casos como este, pero, sobre todo, a rabia cara aos responsables de toda esta tolemia. Convencidos de que se trata dun incendio intencionado, e de que o mesmo ocorre coas decenas de lumes que sementan todo Galicia, imploraban: "Mala chispa os coma a todos, aos que fan isto".
Relacionadas:
-
Unha pontevedresa enfróntase a 4 anos de prisión como sospeitosa da onda de incendios de 2016 en Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
Un pequeno incendio fai saltar as alarmas en Salcedo
Por Redacción |
-
Viascón, tamén en alerta por un incendio que supera as 40 hectáreas afectadas
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O lume chama ás portas de Ponte Sampaio por terceira vez esta semana
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Estudan suspender a tirada de fogos artificiais do inicio das Festas da Peregrina
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Os veciños de Ponte Sampaio viven unha noite de tensión
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
VÍDEO.- Un lume de máis de 20 hectáreas en Ponte Sampaio obriga a desaloxar casas e ameaza núcleos de poboación
Por Redacción | Creada e actualizada