Da Silva: "Os veciños de Pontevedra merecen o mesmo respecto que os doutros sitios onde lles perigan as casas"
Por Redacción
A alcaldesa en funcións de Pontevedra, Carme da Silva, volveu reiterar o malestar do goberno local coa consellería de Medio Rural e cos dirixentes da Xunta de Galicia, que tampouco mantiveron comunicación cos servizos de emerxencia de Pontevedra durante as últimas horas cando se detectaron os incendios na Canicouva e en O Castelo, na parroquia de Lérez.
A concelleira nacionalista sinalou que os veciños de Pontevedra que teñen en perigo as súas casas merecen o mesmo respecto que aqueles de outros concellos nos que tamén hai veciños con propiedades en risco. En todo caso, Da Silva volveu destacar o traballo que realizan os distintos servizos de extinción de incendios e dirixiu as súas críticas á falta de coordinación por parte da Xunta de Galicia para mellorar a eficacia destes traballos.
VISITAS DA PRESIDENTA DA DEPUTACIÓN
Pola súa banda, a presidenta da Deputación Carmela Silva vai visitar todos os concellos nos que se orixinaron incendios durante estes días. Segundo apuntou a presidenta provincial, desde o Consorcio de incendios da Deputación mantivéronse as 24 horas pendentes do estado dos lumes, apoiando aos servizos da Xunta de Galicia.
O Consorcio interveu naqueles casos nos que se rexistra perigo para as persoas ou para as vivendas. Apuntou que moitos dos bombeiros incorporáronse ao traballo, de forma voluntaria, a pesar de que se atopaban en período de vacacións.
Carmela Silva realizou un chamamento á responsabilidade e reclamou ás persoas que provocan os incendios a que pensen nos danos que causan ás familias e ao conxunto da provincia.
Relacionadas:
-
A Deputación impulsa un proxecto para que "haxa menos incendios e, se os hai, fagan menos dano"
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Os veciños de Ponte Sampaio viven unha noite de tensión
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Un incendio xa controlado calcina 30 hectáreas en Lérez, mentres en Cotobade desactívase o nivel 2 de alerta
Por Redacción & Cristina Saiz | Creada e actualizada
-
O goberno local de Pontevedra critica a falta de coordinación da Xunta ante os incendios das últimas horas
Por Redacción | Creada e actualizada