Luís Villares recolle apoios en Pontevedra para ser candidato de En Marea á Xunta
Por Redacción
O único aspirante polo momento a converterse en candidato á Xunta de Galicia por En Marea, o maxistrado Luís Villares, estivo este domingo en Pontevedra nun encontro organizado con representantes das mareas da comarca.
Villares recibiu o apoio e aval das agrupacións da zona, tal e como lle confirmou o responsable local en Pontevedra, Luís Rei.
Os afiliados de En Marea trasladáronlle varias preguntas nun encontro aberto no que o aspirante á encabezar a lista electoral explicou cales serán as súas liñas de traballo.
Entre elas, segundo sinalou aos medios de comunicación antes do acto, está a aposta polo "exercicio dun bo autogoberno" en Galicia, algo que "neste momento é expulsar do poder o Partido Popular e as súas malas políticas de xestión e poñer o goberno ao servizo dunhas políticas de compromiso social a diferenza do que ten feito ata agora o goberno de Feijoo".
Aínda que sinalou que a súa loita será "en positivo" coas súas propostas para liderar Galicia por encima de entrar en polémica con outros partidos, Luís Villares recoñeceu que "teremos a obriga de desenmascarar as malas políticas públicas deste goberno".