As ruínas de San Domingos, abertas ao público tres anos despois
Tres anos despois do seu peche, as ruínas de San Domingos volven estar abertas ao público. Unha vez remataron as obras de consolidación de todo este conxunto histórico, que se fixeron tras o desprendemento dun capitel do edificio, o Museo de Pontevedra recupera un dos seus maiores atractivos.
Centos de persoas, maioritariamente turistas, visitaron as ruínas no día da súa reapertura. Dous deles foron o deputado de Cultura, Xosé Leal, e o director do Museo, Carlos Valle. Ambos manifestaron a súa satisfacción por recuperar este simbólico espazo e que estea de novo a disposición da cidadanía. "É un dos enclaves que máis lle gusta visitar á xente", segundo Leal.
Carlos Valle, pola súa banda, recordou que para recuperar as ruínas primeiro houbo que realizar unha análise da situación do edificio, e despois acometer un tipo de obra cun tratamento técnico moi preciso, así como unha serie de trámites que incluíron os informes da Comisión de Patrimonio e a posterior contratación da obra.
As actuacións foron encamiñadas a asegurar a consolidación de todos os elementos do edificio, nomeadamente do rosetón, xa que durante a análise previa á obra se observara que non respondía aos estándares de seguridade necesarios.
O director do Museo aproveitou a súa intervención para lembrar que as ruínas de San Domingos foron declaradas Monumento Nacional no ano 1895, sendo o primeiro monumento da provincia de Pontevedra en acadar esta declaración.
Na historia do propio Museo tamén teñen un lugar destacado, posto que foron a sede da "Sociedad Arqueológica de Pontevedra", que deu inicio ao actual Museo en 1927. Foi, ademais, o primeiro lugar no que se puido visitar a colección de miliarios antes de ser trasladada ao Edificio Sarmiento, tras ser rehabilitado a finais da década de 1970 e comezos de 1980.
Na actualidade, deste edificio, o máis antigo dos seis que conforman o Museo, consérvase unicamente a cabeceira, de cinco ábsidas -excepcional no gótico galego-, xunto con parte do muro sur da igrexa e a entrada ao capítulo do convento, fundado en torno a 1282, aínda que as obras do templo actualmente conservado non se iniciaron ata 1383, continuando ao longo do século XV.
Con respecto ás visitas ao conxunto, Xosé Leal e Carlos Valle sinalaron a importancia de que este enclave histórico sexa de novo visitable, posto que tanto os grupos de turistas como todas as persoas que visitan a cidade de Pontevedra, veñen demostrando un gran interese en poder acceder a este edificio.
Neste sentido, aseguraron que se espera que o número de visitantes que se achegan á cidade de Pontevedra, así como aos demais edificios visitables do Museo, se incremente notablemente grazas á reapertura das ruínas. Carlos Valle asegurou que, unha vez estean completas as obras de todos os edificios, calculan que poderanse superar as 200.000 visitas.
No caso das ruínas de San Domingos, poderán visitarse de martes a sábado en horario de 10 a 14 e de 17:30 a 20:30 horas, e os domingos e festivos de 11 a 14 horas. En canto ás visitas guiadas poderán realizarse todos os días de semana agás os luns, día de peche dos edificios do Museo de Pontevedra. De martes a sábado, estas visitas guiadas comezarán ás 10:30, ás 12:30, ás 17:45 e ás 19 horas. Os domingos e festivos serán ás 12:30 horas.
Relacionadas:
-
As Ruínas de San Domingos volven abrir para acoller visitas
Por Anxo Lourido |
-
As ruínas de San Domingos suman máis de 4.500 visitas en cinco días tras a súa reapertura
Por Redacción |
-
Rehabilitar o rosetón, obxectivo da nova intervención nas ruínas de San Domingos
Por Alejandro Espiño |
-
Por que seguen pechadas as ruínas de San Domingos?
Por Redacción |
-
Sopesan prolongar a rehabilitación das Ruínas de San Domingos, pechadas dende agosto de 2013
Por Oskar Viéitez |