A Lama celebra con éxito a primeira edición da súa Festa Mexicana
Por Redacción
Máis dun milleiro de persoas participaron este martes na celebración da I Festa Mexicana da Lama, que se desenvolveu na Alameda do municipio. Tal foi o éxito que o Concello xa pensa en organizar para o ano que vén unha segunda edición ampliando a festa a outros colectivos como o brasileiro, debido á demanda e as expectativas creadas.
O recinto da Alameda, provisto de carpa, lucía unha decoración especialmente deseñada para o evento con gran presenza de grandes bandeiras mexicanas, españolas e galegas así como serpentinas e banderiñas dos tres países distribuídos profusamente por todo o recinto festivo.
A comida correu a cargo da caseta que instalou o Mesón Mexicano de Tourón que deu boa conta das longas colas de persoas que acudiron a degustar os seus pratos. As quesadillas, as carnitas, os tacos pastor ou os doraditos foron algúns dos máis solicitados.
A nota musical correu a cargo do Mariachi de Leonardo Flores que se mesturou cos centos de comensais interpretando cancións moi coñecidas do folclore mexicano.
Entre aplausos, bailes e cánticos a xornada foi transcorrendo ata pasadas as doce da noite momento en que tomou o relevo da animación o grupo Atenas que puxo en escena unha coreografía e unha música de verbena que contribuíu a que a festa se prolongase ata altas hora da noite.
Jorge Canda mostrouse moi satisfeito pola resposta que tivo a iniciativa e manifestou que esta festa era un punto de encontro familiar entre os galegos en México e os residentes na Lama e outros municipios de arredores con moita vinculación co país azteca.