Caldelas Tapas superou as 6.000 unidades vendidas e xerou un movemento económico de 15.000 euros
Por Redacción
O certame gastronómico Caldelas Tapas chegou á súa fin na noite deste venres deixando atrás un balance de máis de 6.000 unidades vendidas ao longo de cinco semanas e deixando na hostalería local de Ponte Caldelas un movemento económico que supera os 15.000 euros.
As cifras facilitounas este sábado o Concello de Ponte Caldelas a través dun comunicado no que tamén informou de que o alcalde, Andrés Díaz, acompañado por varios concelleiros dos tres grupos que integran o goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) estiveron este venres na última xornada de Caldelas Tapas e gozaron das pequenas creacións culinarias nos locais participantes.
Nesta última xornada da segunda edición do certame creado polo Concello para dinamizar a hostalería local, a noite estivo animada polo grupo de música tradicional 'Nós tamén imos'. Ademais, como xa ocorrera nos venres anteriores, varios locais acabaron co produto en torno á medianoite, corroborando así o éxito do concurso.
Segundo informou o Concello, apreciouse a presenza de moita xente chegada dos municipios próximos, como Pontevedra, Cotobade, A Lama, Fornelos e Soutomaior, que non quixeron perder a última oportunidade de saborear estes minipratos que, con bebida incluída, ofertábanse a 2,50 euros.
Durante a próxima semana recolleranse as urnas de votación nos 13 locais participantes e computaranse as puntuacións emitidas polo público ao longo deste mes. A continuación, informarase do local gañador desta segunda edición e sortearase o cliente gañador do vale de 100 euros para compras no comercio local.
Relacionadas:
-
Os mellores petiscos regresan a Ponte Caldelas en decembro con Caldelas Tapas Quentes
Por Redacción |
-
A cervexería Alameda gaña o segundo concurso Caldelas Tapas
Por Redacción |
-
Cinco mil unidades vendidas nun Caldelas Tapas que entra na súa recta final
Por Redacción |
-
Caldelas de Tapas vende 1.500 racións na súa primeira xornada
Por Redacción |
-
Catorce establecementos hostaleiros participan na segunda edición de Caldelas Tapas
Por Redacción |
-
Unha decena de hostaleiros compiten no "Caldelas Tapas"
Por Redacción |