Un membro dunha orquestra resulta ferido mentres monta un escenario en Moraña
Por Redacción
Un traballador dunha orquestra resultou ferido na tarde noite deste venres ao sufrir un accidente laboral mentres traballaba na montaxe dun escenario para unha festa en Moraña, en concreto, para a Festa do Carneiro ao Espeto que se celebra esta fin de semana.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o operario caeu dunha altura duns catro metros e, froito da caída, presentaba lesións importantes nunha perna.
Inmediatamente despois da caída, foron alertados os servizos de emerxencia e unha ambulancia de Urxencias Médicas de Galicia 061 desprazouse ao lugar e procedeu ao seu traslado ao Hospital Domínguez de Pontevedra.
O accidente produciuse uns minutos antes das oito da tarde de onte na carballeira de Santa Lucía de Moraña, na parroquia de Saiáns. Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia para pedir axuda e a partir de aí, activouse un operativo no que, ademais dos servizos sanitarios de urxencia, participaron os axentes da Policía Local de Moraña, a Garda Civil e voluntarios de Protección Civil da localidade.