Trece anos na procura da máxima seguridad das atraccións de feira das Festas de Verán
Por Redacción
As atraccións de feira que xa se instalaron na explanada do Pazo da Cultura para as Festas de Santiaguiño comezaron este venres a ser obxecto dunha completa inspección técnica por parte do Concello de Pontevedra para garantir que cumpren todas as condicións de seguridade e son aptas para o seu uso. Son o principio duns traballos técnicos que se prolongarán ao longo das vindeiras semanas coa inspección das que se instalen na zona do Paseo de Montero Ríos, a Alameda e Raíña Vitoria con motivo das Festas da Peregrina.
A empresa Enmacosa Consultoría Técnica é a encargada de realizar esta inspección logo de gañar o contrato de supervisión por tres anos. Segundo informou o Concello, o exame ten carácter case exclusivo, pois non se executa con este nivel de especialización en practicamente ningunha outra cidade española.
Pontevedra foi hai 13 anos unha cidade pioneira neste campo ao contratar a inspección das festas do verán de 2003 e segue a manter o mesmo criterio. Trátase de seguir un protocolo específico para garantir a realización dun exame o máis completo posible de cada unha das atraccións e encárganse de executalo equipos multidisciplinares compostos por técnicos especialistas en estruturas, compoñentes mecánicos, aplicacións informáticas de control e en instalacións eléctricas, electromagnéticas, hidráulicas e pneumáticas.
Os técnicos solicitan a documentación preceptiva de cada instalación (seguro de responsabilidade civil e as súas coberturas, libro de operacións, manual técnico ou proxecto…), comproban que as atraccións carezan de arestas que poidan resultar cortantes ou de ocos ou desniveis sen protección, puntos importantes de corrosión ou deficiencias de relevancia nos cordóns de soldaduras das instalacións, e que as bancadas e apoios estean correctamente nivelados e asentados.
Os traballos tamén analizan outros requisitos sobre a seguridade do público e da contorna, como a dotación de extintores ou as posibilidades de colisión ou solapamento entre os recorridos das atraccións e entre estas e os tendidos eléctricos, edificios lindeiros, farois ou mobiliario urbano en xeral.
Entre outros aspectos, tamén se controla que letreiros, focos ou carcasas embelecedoras teñan garantías de solidez, ou que todo tipo de cordas, arneses, tensores e demais elementos de seguridade similares amosen un perfecto estado de conservación e estean homologados para a súa utilización.
As revisións inclúen unha inspección visual das condicións da montaxe, do estado de conservación da instalación e do mantemento dos materiais, pero non entran a valorar termos relativos ao deseño do aparato ou ao estado das tensións internas de calquera eixe ou compoñente mecánico ou as condicións de funcionamento dos mecanismos ocultos, que terían que ser obxecto dunha inspección técnica regular, similar ás ITV dos vehículos, que hoxe non ten carácter obrigatorio para estas instalacións. Si que revisan o estado das instalacións eléctricas e do seu correcto funcionamento, incluíndo probas e ensaios de seguridade.
Relacionadas:
-
Os técnicos empezan a inspeccionar as atraccións das festas para garantir a súa seguridade
Por Redacción |
-
Na noite deste martes péchanse ao tráfico as rúas Raíña Vitoria e Alameda con motivo das festas da Peregrina
Por Redacción |
-
O Burgo celebra un ano máis as festas na honra do seu patrón, o Santiaguiño
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Segue o pulso entre os feirantes e o Concello polas atraccións das festas
Por Redacción |
-
160.000 euros para garantir a seguridade e a instalación das atraccións das festas
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra destinará 36.000 euros para supervisar a seguridade das atraccións das festas
Por Redacción |