Rescatan o cadáver dun golfiño varado na praia de Lapamán
Por Natalia Puga
Os bañistas que se atopaban este martes na praia de Lapamán, en Bueu, atopáronse cun elemento pouco habitual nesta zona das Rías Baixas: un golfiño varado a escasos metros da area. O animal estaba morto e o seu achado derivou en varias chamadas de alerta dos cidadáns aos servizos de emerxencia e un posterior rescate por parte dunha patrulleira do servizo marítimo da Garda Civil.
Todo ocorreu sobre as 17.00 horas, un momento da tarde no que a asistencia á praia é máxima. Os bañistas que o avistaron indicaron que se trataba dun animal que estaba a flotar a uns 200 metros da praia, de modo que para o seu rescate foi necesario que se trasladase ata Bueu a patrulleira Curvo Mariño da Garda Civil do Mar.
A patrulleira recolleu o golfiño morto e trasladouno ata o porto de Bueu, onde xa o deixou a diposición da Policía Local da localidade. Os axentes custodiarán o cadáver ata que este mércores se desprace ata a zona o persoal da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), organización dedicada ao estudo e divulgación dos mamíferos e tartarugas mariños de Galicia.