O Pleno de Pontevedra termina sen tratar todos os asuntos debido ao "cansazo" dos concelleiros
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez
A corporación municipal aprobou no pleno celebrado este luns o convenio entre o Sergas e o Concello para a ampliación de Montecelo, a disolución do Instituto Municipal de Deportes (IMD) e a modificación puntual do PGOU que permitirá abrir un polígono comercial no Vao (Campañó).
Os tres asuntos, a pesar de estar previamente acordados, suscitaron un longo debate entre os grupos políticos.
O resto da orde do día foron mocións.
Os grupos da oposición criticaron que o BNG presentase catro, xa que entenden que "non ten sentido ningún, que o goberno se inste a si mesmo para que faga algo", reprochou o portavoz socialista Agustín Fernández.
Respecto ao contido das mocións, dúas delas, aprobadas por unanimidade, son para instar a Fomento e á Xunta de Galicia a reformar a PO-546, coñecida como a estrada vella a Marín, e a N-550 ao seu paso por Salcedo. Ademais, aprobaron a adhesión de Pontevedra ao Plan Revitaliza que impulsa a Deputación en materia de compostaxe e instarán o Goberno do Estado para actuar na antiga Comandancia da Garda Civil en Casimiro Gómez.
Tamén Marea presentou outras catro mocións.
A formación de Luís Rei conseguiu sacar adiante a súa petición para que se complete a reforma urbana en Santa Clara ata a rúa Pai Gaite pero o reloxo xa marcaba as tres e cuarto da tarde e os concelleiros empezaron a dar mostras de cansazo expondo a posibilidade de aprazar o debate do resto das mocións para o pleno de agosto.
Nin sequera aquí houbo consenso, o portavoz socialista Agustín Fernández esixiu que se abordasen as súas iniciativas, aínda que a corporación votou en contra da urxencia dalgunhas delas como a proposta de instar o alcalde a mediar para que os cinemas de Vialia permitan a entrada con comida aos diabéticos ou a de implantar unha taxa para as empresas de telefonía móbil que operan na cidade.
Si aceptaron a moción socialista na que se pide á Deputación a que participe no financiamento dos gastos que ten que acometer o concello para dotar de infraestruturas ao proxecto do Gran Montecelo. A moción saíu rexeitada ao resolver o alcalde co seu voto de calidade o empate entre os concelleiros. Con todo Mosquera explicou que o apoio da Deputación xa está asegurado.
Pola súa banda Marea deixou para o próximo pleno a súa petición para que o Concello rescate os contratos de abastecemento de auga e recollida de lixo, unha vez conclúan os actuais en 2017 e tamén que Pontevedra se adhira a un programa de apoio ao colectivo LGTBI e o PP aprazou para agosto a súa petición para a reapertura do bar do campo da Xunqueira e que policías en segunda actividade encárguense da vixilancia do SPAD de Valentín García Escudero e a Casa Azul, en lugar de contratar a unha empresa.
Relacionadas:
-
O PP advirte ao goberno local que "si quieren mociones las van a tener" e presentan 28 para o próximo Pleno
Por Natalia Puga |
-
O plan de viabilidade para as piscinas de Campolongo contempla 3,8 millóns de euros para a súa reforma
Por Redacción |
-
O polígono comercial do Vao, pendente dun último informe da Xunta
Por Alejandro Espiño |
-
O IMD entra na súa recta final
Por Alejandro Espiño |
-
Sergas e Concello teñen xa listo o convenio para o "Gran Montecelo"
Por Alejandro Espiño |