"Que a xente se leve ben", e que teña memoria histórica
Por Redacción
"Que a xente se leve ben" é un desexo habitual de todo cidadán, e un consello que, de seguirse, melloraría a convivencia social. Como desexo e como consello gaña forza se quen o di é Antón Dios Vázquez, que acaba de unirse ao club dos centenarios e que atesoura unha historia vital moi vencellada á represión franquista.
Este xoves visitou o Concello de Pontevedra na habitual recepción que realiza o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, pero que, nesta ocasión, tamén contou coa presenza do concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, e dunha histórica bandeira habitualmente gardada no arquivo municipal.
A famosa bandeira non é outra que a da Sociedade de Agricultores de Salcedo, que,segundo a lenda, foi deseñada por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e que, segundo os feitos verificados, foi tecida pola súa nai, Josefa Vázquez Juncal, cos fíos seleccionados por Antón e os seus irmáns. A bandeira permaneceu agochada nunha casa de Salcedo durante 64 anos, dende 1936 ata que en 1999 foi entregada ao Concello por Arturo Estévez.
Dende entón, está gardada no arquivo municipal, pero este xoves saíu á luz con motivo da visita de Antón Dios. A pesares dos seus 100 anos de vida, goza de boa saúde e quixo ir ata o Concello en lugar de recibir ao alcalde na súa casa porque, desta maneira, podería ver a bandeira.
Antón Dios Vázquez é fillo da famosa familia propietaria da fábrica do Ferreiro do Pino, unha das que sufriu con maior crudeza a represión franquista, co asasinato do seu irmán maior, Edelmiro Dios Vázquez.