Dan a custodia a unha pontevedresa que levou ao seu fillo a EE.UU. e incumpriu reiteradamente o réxime de visitas
Por Alejandro Espiño
Unha pontevedresa residente en Estados Unidos recuperou a custodia do seu fillo. Logo de catro anos de pelexa nos xulgados, o Tribunal Supremo deu a razón a María Núñez Sertal, unha nai que fora denunciada pola súa exparella por levarse ao seu fillo a Estados Unidos e incumplir reiteradamente o réxime de visitas establecido. E todo iso, tras desautorizar á Audiencia Provincial de Pontevedra, que outorgara a garda e custodia a Elías Failde Brea, o pai do menor.
O matrimonio separouse mediante sentenza de novembro de 2003, tendo o menor apenas un ano e nove meses, e foi 2008 cando se interpuxo a primeira demanda na Audiencia Provincial de Pontevedra por parte do proxenitor, despois de que María Núñez Sertal, residente en Nueva Jersey (EEUU), incumplise o réxime de visitas, que lle obrigaba, entre outras medidas, a entregar o menor ao seu exmarido nas vacacións de verán.
O xuíz deu a razón ao pai e outorgoulle a custodia do fillo de ambos. Pero agora, o Tribunal Supremo deixa sen efecto esta decisión ao estimar o recurso de casación interposto por María Núñez Sertal, ao entender que "con independencia do reproche que se puidese realizar do comportamento da proxenitora custodia, o que debe primar é o interese do menor".
Segundo se especifíca na sentenza, da que foi ponente o maxistrado José Antonio Seijas, "o menor estaba plenamente integrado no país de residencia", e o cambio "suporía para el un trauma e un prexuízo maior" ao ter que trasladar a súa residencia a un país moi distante, e verse obrigado a convivir cunha persoa, o seu pai, á que, "polas circunstancias que foran, prácticamente descoñece".