Monte Porreiro empeza a 'compostar'
Por Redacción
O novo sistema de tratamento de residuos do Concello de Pontevedra acaba de dar un paso decisivo. Xa están instalados os tres composteiros comunitarios promovidos no barrio de Monte Porreiro como parte do proxecto piloto posto en marcha para probar o funcionamento do plan de recollida de lixo que se pretende poñer en marcha en todo o municipio.
Segundo informou o Concello, os tres composteiros comunitarios, compostos de seis módulos cada un, están localizados na praza de Europa, na rúa Italia e na rúa Alemaña. Ata o momento están precintados, pero poderán empezarse a usar nuns días.
Estes primeiros composteiros chegan da man do plan Revitaliza da Deputación, que tamén instalará un cuarto composteiro comunitario na parroquia de Campañó. No rural o Concello apostará por composteiros individuais, pero neste caso apostouse por un comunitario de usos especiais, ao estar nunha zona de centralidade parroquial que dará servizo ao cemiterio, restaurantes e a veciños non residentes.
O Concello tamén deu a coñecer este martes que está a tramitar o prego de condicións para a adquisición dos composteiros comunitarios que se despregarán polo resto do barrio de Monte Porreiro e pola zona de Campolongo, neste caso a petición da asociación de veciños.
Segundo os datos aportados, para o presente exercicio económico hai consignada unha partida de 130.000 euros coa que despois do verán se despregarán un total de 204 módulos de compostaxe en 33 puntos do barrio de Monte Porreiro e 105 módulos en Campolongo.
Os composteiros comunitarios están formados por tres módulos dun metro cúbico que darán servizo a unhas 60 persoas. Os cidadáns terán que depositar os seus desperdicios no primeiro dos módulos, que se calcula que estará cheo no prazo dun mes para que logo os mestres composteiros vaian trasladando o produto ao módulo seguinte. Logo doutro mes, a materia orgánica pásase ao terceiro módulo. Pasados uns 90 días, xa se obtén o compost.
Relacionadas:
-
Nova oportunidade para facerse mestre composteiro
Por Oskar Viéitez |
-
Todo a punto para a posta en marcha dos primeiros composteiros comunitarios de Monte Porreiro
Por Redacción |
-
A Deputación completa a primeira fase do Plan Compost Revitaliza "con gran éxito"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Xuntanza en Monte Porreiro polos composteiros comunitarios
Por Redacción |
-
Os composteiros comunitarios xa están aquí: comezan as obras para instalar os tres primeiros en Monte Porreiro
Por Natalia Puga |
-
Os barrios de Campolongo e Monte Porreiro empezarán coa compostaxe comunitaria á volta do verán
Por Oskar Viéitez |
-
Os veciños de Campolongo piden ao Concello sumarse á experiencia piloto de composteiros comunitarios
Por Redacción |