Marín bota man da prevención para garantir un turismo seguro
Por Redacción
O plan Turismo Seguro que desenvolve a Policía Nacional en toda España tamén chegou a Marín. Co obxectivo de activalo, o xefe da comisaría local, Juan José Díaz Jiménez, e un respondable da área de Participación Cidadá reuníronse este luns coa concelleira de Turismo, Cristina Acuña e nas últimas xornadas mantiveron encontros con responsables de establecementos de hostalería e turismo da localidade.
Segundo informou o Concello, os responsables policiais entregaron á concelleira material gráfico e informativo co obxectivo de que se distribúa nas oficinas de turismo da localidade para facilitar que os visitantes estean ben informados sobre como garantir unhas vacacións sen sobresaltos. Unha das claves deste plan é traballar na prevención.
Este plan especial de seguridade está operativo entre o 1 de xullo e o 31 de agosto co obxectivo de incrementar de forma permanente a seguridade cidadá nas zonas turísticas e proporcionar unha contorna máis segura ao turista durante a súa estancia no noso país. Igualmente, pretende apoiar e contribuír activamente ás actuacións no sector polo Goberno de España e polas administracións autonómica e local e pretende favorecer ao sector turístico español e cooperar no logro dun maior grao de competitividade, así como cooperar entre todas as institucións públicas e privadas que interveñen no sector turístico.
Marín acolle cada verán un elevado número de veraneantes e incrementa considerablemente a súa poboación do resto ano, por iso é polo que se converteu nun dos focos de atención da Policía Nacional para garantir un turismo seguro.
Pode consultar aquí toda a información consellos do plan.