Rodrigo Cota será o pregoeiro das Festas da Peregrina 2016
Por Alejandro Espiño
"Tentarei ser un digno representante de todos os que non merecen ser pregoeiros". Co seu habitual enxeño e ironía, o escritor e xornalista Rodrigo Cota agradecía desta maneira ao Concello a súa elección como pregoeiro das Festas da Peregrina 2016.
El será o encargado de dar o pistoletazo de saída, igual que fixo Javi Gómez Noya o pasado ano, ás festas de Pontevedra, esa cidade tan presente nos seus habituais artigos en diferentes medios de comunicación, entre eles o Diario de Pontevedra, que lle converteron, segundo destacou o alcalde, nun "cronista" da actualidade pontevedresa.
Miguel Anxo Fernández Lores asegurou que é un "pracer e unha honra" que Cota aceptase ser o pregoeiro das festas, unha persoa que conta cunha presenza "indiscutible" na vida da cidade nos últimos anos.
"Poucas veces acertamos tanto cun pregoeiro", engadiu o alcalde, que encomiou o traballo de Rodrigo Cota na prensa local con crónicas escritas "con enxeño e audacia" e das que gozan de forma habitual miles de persoas.
Apelando a esa traxectoria, Fernández Lores mostrouse convencido de que o pregón terá moitas sorpresas e que "será lembrado" polos pontevedreses.
Cota adiantou que no seu pregón "algo falaremos de política" e do labor dos medios de comunicación da cidade e do "mérito" que teñen ao traballar nas súas actuais condicións laborais. Pero sobre todo reflexionará sobre a situación de Pontevedra como cidade "inspiradora" para a creatividade e o posto que recuperou como "motor cultural" de Galicia.
O pregón de Rodrigo Cota será o sábado 13 de agosto, a partir das doce do mediodía, desde o balcón do Pazo de Mugartegui, na Praza da Pedreira.