As obras de mellora do colexio Campolongo comezarán na segunda quincena de agosto
Por Anxo Lourido
O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, recoñecía na súa visita ao CEP Campolongo durante a mañá deste xoves 7 que só coñecía o ximnasio deste centro porque se trata dun espazo que se emprega como colexio electoral.
Acompañado polo director do colexio Campolongo, José Manuel González Moure, e polo director xeral de Centros e Recursos Humanos dá Consellería de Educación, José Manuel Pinal, ademais de técnicos da Xunta e o portavoz do grupo municipal do PP, Jacobo Moreira, o vicepresidente autonómico percorreu as distintas estancias dun edificio que precisa de renovación de mobiliario e de equipamentos.
González Moure afirmou que as instalacións practicamente non contaron con melloras desde a construción do edificio en 1972. Sinalou que as xanelas se atopan en mal estado e requiriu o illamento térmico do centro, ademais das luminarias do corredor interior por onde, afirmou, que se filtra frío.
Alfonso Rueda apuntou que a Xunta de Galicia investirá máis de 400.000 euros dentro dos máis de dous millóns de euros que se destinarán a centros educativos públicos da comarca. O vicepresidente sinalou que as contas saneadas da administración autonómica permiten realizar agora estas obras nestes edificios. Está previsto que se licite a intervención nas próximas semanas coa instalación de carpinterías de aluminio, a colocación de cristais dobres nas xanelas, a substitución de persianas de aluminio con illamento térmico e a iluminación de todo o edificio. Tamén levará a cabo a mellora da instalación da calefacción.
Os traballos iniciaranse en Campolongo durante a segunda quincena de agosto e durarán dous meses. Este colexio conta con ao redor de 550 escolares.
No colexio Álvarez Limeses tamén comezarán nas próximas semanas as intervencións do mesmo xeito que no Froebel onde está previsto comezar a segunda fase das obras coa substitución das xanelas e a mellora da carpintería interior. José Manuel Pinal afirmou que se van a acometer obras no Centro Carlos Oroza durante o verán cun investimento de 300.000 euros.
Relacionadas:
-
As obras de reforma do colexio Campolongo van combinarse coa actividade docente
Por Redacción |
-
Unha obra de rehabilitación integral mellorará a eficiencia enerxética do CEIP Campolongo
Por Redacción |
-
A Xunta anuncia a licitación da segunda fase de ampliación do Carlos Oroza
Por Redacción |
-
Educación anuncia actuacións urxentes no colexio Froebel
Por Oskar Viéitez |