A Deputación insta á Xunta a que cofinancie a Estación Fitopatolóxica de Areeiro
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra pedirá á Xunta que se involucre e financie a actividade da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da institución provincial pero que presta servizos a administracións e entidades de toda Galicia. Así o manifestaron este martes a presidenta Carmela Silva e a deputada delegada do centro, Eva Vilaverde, logo de realizar unha visita aos laboratorios e terreos situados en Lourizán.
A presidenta mostrou o seu "orgullo" por ter unha estación fitopatolóxica "deste gran nivel, recoñecido a escala mundial". Lembrou que dende a Deputación "é un servizo que coidamos con especial cariño e atención porque se adica a cuestións que son o futuro como a investigación e unha maior eficacia e eficiencia tanto no uso do solo como na loita contra as pragas".
Sinalou que é "fundamental" debatir o seu funcionamento co goberno galego: "A EFA mantense con fondos da Deputación de Pontevedra e sen embargo presta servizos ao conxunto de Galicia", dixo, para engadir que na reunión pendente co presidente do goberno galego, Núñez Feijoo plantexará a necesidade de que as dúas administración "poñan en valor sinerxias" para tirar máis rendemento do traballo feito.
Pola súa banda, a deputada Eva Vilaverde, sinalou que "a Estación Fitopatolóxica de Areeiro está a cumplir un servizo necesario para traballadoras e traballadores do campo galego que o goberno da Xunta é incapaz de prestar por si mesmo".
Lembrou o traballo que se realiza de análise de solos, de pragas e cultivos para todo o sector primario das catro provincias galegas -e incluso do exterior-, e sinalou que se trata dunha área competencia da Xunta de Galicia. Neste sentido, incidiu en que a día de hoxe os custes de mantemento do centro, a pesares de dar servizo a todo o país, "saen das transferencias que recibe a Deputación de Pontevedra para os pontevedreses".
"En calquera caso –dixo-, dende o goberno provincial seguirase a traballar para mellorar a súa xestión e proporcionar un servizo de calidade a todos os agricultores e administracións que o precisen. O noso obxectivo é ofrecer un traballo rigoroso para seguir medrando como centro de referencia".
Relacionadas:
-
O Areeiro avisa: comeza o periodo de risco por oídio nas viñas da provincia
Por Redacción |
-
Unha praga de eirugas devora os buxos a gran velocidade
Por Redacción |
-
Preocupación ante o avance da praga do picudo vermello nas palmeiras da provincia
Por Redacción |
-
A colleita de kiwis do Areeiro repartirase entre entidades sociais
Por Redacción |