Solicitan a creación dun servizo municipal de promoción de saúde sexual ante o aumento das ETS
Por Alejandro Espiño
A incidencia das enfermidades de transmisión sexual vai en aumento nos últimos anos. Os datos relativos a infeccións por VIH son "alarmantes", segundo Esquerda Unida. No 2011 (último ano do que hai datos) rexistráronse 2.763 novos diagnósticos. E todo isto, din, porque as prácticas sexuais sen protección seguen tendo unha alta incidencia, pero sobre todo "pola inacción dos poderes públicos á hora de atallar este problema de saúde pública".
De aí que Esquerda Unida de Pontevedra reclame ao Concello de Pontevedra a creación dun servizo municipal de promoción de saúde sexual, "dotándoo dos medios necesarios para o seu adecuado funcionamento, ou no seu caso, mellorando e potenciando os servizos xa existentes". Debería contar, explican, como mínimo cun asesoramento afectivo-sexual e cunha con atención integral en materia anticonceptiva e coordinar accións de sensibilización.
Na moción presentada no rexistro municipal para o seu debate no Pleno, Esquerda Unida pide ademais que se facilite o acceso a toda a poboación, en especial ás persoas con menos recursos o aos mozos, á dispensación gratuita de preservativos, e que o goberno municipal mostre o seu apoio ás entidades sen ánimo de lucro que prestan servizo ás persoas portadoras do VIH "suplindo economicamente as carencias derivadas do cese do Plan Multisectorial".
Con esta iniciativa, Esquerda Unida pretende ademais que o Concello de Pontevedra reclame ao goberno central que restableza a sanidade pública universal "sen excluír a ningún cidadán", que recorra ante o Tribunal Constitucional calquera intento de implantación dun sistema de copagamento farmacéutico e a restitución da dotación orzamentaria para o Plan Nacional sobre a SIDA, recollida nos Orzamentos Xerais do Estado.
Isto último, segundo a voceira de Esquerda Unida, Vanessa Angustia, porque as "drásticas medidas" que está a adoptar o goberno central en materia de saúde pública "non contribúen a mellorar esta situación de aumento das enfermidades de transmisión sexual". Calculan, segundo datos do Grupo de Estudio de SIDA (GESIDA), que con esta política as novas infeccións de VIH podería incrementarse entre un 10 e un 20 por cento cada ano.