O "caos" na tramitación do goberno de Louzán atrasa a construción da Rolda Este
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O presidente en funcións da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, criticou as "deficiencias" que afectan a "multitude" de obras iniciadas durante a última etapa de Rafael Louzán á fronte do goberno provincial, que non dubidou en cualificar de "caos". Entre os proxectos afectados atópase a Rolda Este de o Concello de Pontevedra, entre O Marco e San Mauro.
O anterior goberno da Deputación adxudicou este viario sen facer o preceptivo estudo de impacto ambiental. Este erro na tramitación impide executar a Rolda Este desde febreiro.
O proxecto adxudicouse en decembro, nestes momentos o estudo de impacto está en período de exposición pública. César Mosquera estima que no prazo de tres meses poidan dispoñer do permiso de Medio Ambiente xa que o trazado deste viario non ten graves afeccións.
Mosquera agradeceu que "afortunadamente as empresas estanse portando ben" en refencia ás firmas adxudicatarias das distintas obras paralizadas. No caso da Rolda Este, será executada pola empresa Elsan, do grupo OHL. Igualmente Mosquera recoñeceu o "esforzo ímprobo" que están a facer os traballadores da Deputación "para poñer todo isto en orde".
Esta estrada mellorará o acceso á cidade infantil Príncipe Felipe e o Hospital Montecelo desde a estrada O Pino-Bora (PO-542) no lugar do Marco. O convenio para a posta en marcha desta infraestrutura data do ano 2013.
RESPOSTA DO PP
Pola súa banda, o grupo provincial do Partido Popular sinalou que a "única verdade" que dixo o presidente en funcións da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, respecto aos expedientes de licitación de obras "é que na época do goberno do PP facíanse multitude de proxectos na provincia".
Ángel Moldes, voceiro dos populares, lamenta que os gobernantes agora "se escuden nos funcionarios da institución provincial" para xustificar a súa ineficacia e falta de iniciativa para sacar proxectos e obras adiante.
Segundo os populares o discurso que mantén o bipartito na Deputación, de cuestionar o traballo do anterior equipo de goberno e dos funcionarios, "ten como único obxetivo tratar de crear unha cortina de fume que tape a súa falta de acción de goberno, especialmente na área de Infraestruturas", dixeron.