Un verán de 54 actividades e festa en todas as parroquias de Sanxenxo
Por Redacción
A programación festiva para os meses de xullo e agosto en Sanxenxo terá 54 actividades variadas para un público de todas as idades e completarase con festas patronais e propostas de ocio e deportivas para nenos e con iniciativas en todas as parroquias.
A concelleira de Cultura, Sandra Fernández Agraso, presentouna este xoves pola mañá e anunciou que pola tarde se lle daría a coñecer a todas as asociacións culturais do municipio. Como novidade, destaca a descentralización cultural, que busca dar protagonismo ás parroquias, conseguindo así que as propostas culturais e de ocio cheguen a todos os rincóns do municipio, e a aposta por actividades na rúa e en prazas públicas.
Haberá un ciclo de concertos da banda de música que ao longo de todo o verán irán percorrendo as parroquias e comezarán este sábado cunha primeira actuación ás 22.00 horas na praza Manuel Cortés de Bordóns-Dorrón. As súas próximas paradas serán o día 22 de xullo en Adina, o 23 en Vilalonga e o 29 en Portonovo.
O programa incluirá por primeira vez actuacións de clown nas principais prazas públicas do municipio, achegando a maxia aos nenos tamén do rural. A actuación será este sábado en Noalla, na Carballeira co espectáculo 'Dous pallasos en máis apuros' a cargo de 'Os Sete Margníficos máis un'. Por primeira vez tamén se inclúe no programa unha Muiñada Soalleira, unha romería na que a xente de Dorrón dará vida a unha actividade que non hai moitos anos era cotidiana.
Na Casa Mariñeira de Portonovo haberá unha actividade de telearqueoloxía que busca a posta en valor do patrimonio arqueolóxico que ten Sanxenxo, a través de charlas e obradoiros. Na praza Pascual Veiga estará a actividade 'Ano Castelao: A Lingua na Boca; En Vilalonga, 'Sede de Mal: Comedia e música; e en Portonovo, 'El Diábolo: Performance'.
A concelleira agradece a implicación do tecido asociativo de Sanxenxo e outras administracións como a Deputación de Pontevedra e Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).